Saturday 27 de April de 2024

O ‘Tríatlon Cros Concello de Miño’ reúne a case 200 participantes na súa primeira edición


• A proba forma parte do calendario da Federación Galega de Tríatlon e disputouse por diferentes enclaves naturais do municipio.

• O evento conta coa organización do Concello, a AD Miño, o Club Náutico de Miño, o Club Ciclista Miñotauros, a empresa Galicia Eventos e Lecer e o patrocinio da Xunta de Galicia dentro do programa ‘O Teu Xacobeo’.

Miño acolleu esta mañá o ‘I Tríatlon Cros Concello de Miño’, un evento no que se deron cita case 200 deportistas e que percorreu diferentes enclaves naturais do municipio. A proba forma parte do calendario da Federación Galega de Tríatlon.

Os participantes tiveron que facer fronte a un roteiro que incluíu 1 quilómetro de natación na praia Grande, 30 quilómetros de bicicleta de montaña polo Camiño Inglés, percorrendo as parroquias de Castro, San Xoán e a urbanización de Costa Miño, ademais de 7 quilómetros de carreira de montaña nun circuíto na Fraga do Xarío.

Contou coas categorías de 18-19 anos junior, 20-23 anos sub23, absoluta e veteranos, todas en masculino e feminino. En canto aos equipos de substitucións, houbo categoría masculina, feminina e mixta.

O evento conta coa organización do Concello, a AD Miño, o Club Náutico de Miño, o Club Ciclista Miñotauros, a empresa Galicia Eventos e Lecer e o patrocinio da Xunta de Galicia dentro do programa ‘O Teu Xacobeo’.